OUTRA CIENCIA É POSIBLE DENDE UNHA RACIONALIDADE BARROCO-ROMÁNTICA. OTERO PEDRAYO COMO EXEMPLO PARADIGMÁTICO

Similar documents
Cobertura do bosque de ribeira do Sar e Sarela no concello de Santiago de Compostela

O CO CO PO HUMANO E O MOVEMENTO

Informe mensual do paro rexistrado CONCELLO DE PONTECESURES. Pacto Territorial de Emprego do Salnés. Xaneiro 2010

A experiencia do Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga. Ana B. Pardo documentalista ambiental do CEIDA

Queres formar parte? Converter Galicia nun destino para gozar en familia

CONTIDOS MÍNIMOS ESIXIBLES EN LATÍN DE 4º DA ESO

Informe mensual do paro rexistrado CONCELLO DE. Pacto Territorial de Emprego do Salnés. Febreiro 2010

O SIGNIFICADO DO DEBUXO: DETECCIÓN E PREVENCIÓN DE POSIBLES TRASTORNOS OU MALOS TRATOS NO ÁMBITO SOCIOFAMILIAR

O relevo e as costas de Galicia

AS RUTAS DO ROMÁNICO. Las Rutas del Románico The Romanesque Routes

LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO º ESO. Bioloxia e Xeoloxia 1 ESO M.Angeles Ramos Garcia e outros Ed McGraw Hill Madrid,

A máquina de escribir

EDUCACIÓN INFANTIL 4 ANOS PAPELIÑOS-4 ANOS- MÉTODO COMPLETO. EDITORIAL XERAIS. CAMPUZANO Mª DOLORES. ANO ISBN:

Welcome to Greenman and the Magic Forest

LITERATURA E MEMORIA: CARLOS CASARES NO ENSINO

Informe mensual do paro rexistrado

PRIMARIA CURSO AREA TÍTULO EDITORIAL ISBN CURSO AREA TÍTULO EDITORIAL ISBN PUBLICACIÓN

LIBROS DE TEXTO E MATERIAL - ESO. Relación de libros de texto e material didáctico impreso para o curso 2018/2019

O SOFTWARE LIBRE NAS EMPRESAS INFORMÁTICAS DE GALIZA

Revista Galega de Economía ISSN: Universidade de Santiago de Compostela España

Universitas Castellae SPANISH LITERATURE I (MIDDLE AGES GOLDEN AGE)

INTER-UNIVERSITY MASTER IN ADVANCED ENGLISH STUDIES AND ITS APPLICATIONS UNIVERSIDADE DE VIGO

Os alumnos/as con ACI non deberán mercar os libros ata setembro

Desarrollo Web en Entorno Cliente. Curso

O día 12 de marzo de 2018, reúnense os membros do tribunal:

BienvenidosaSevila,capitaldeAndalucíayunadelasciudadesmásbonitasyalegresdelmundo!

1.- Dirixirse ao Goberno de España para demandarlle a aprobación máis pronta posible de:

Mapa de accidentalidade

Probas dos elementos internos do alternador

La Guerra Y La Paz (Spanish Edition) By Leon Tolstoi

PATRIMONIO E TURISMO CULTURAL

CONCENTRACIÓN PARCELARIA PERIURBANA

MARCO XERAL I + i Catalizador: Recursos Públicos CRECEMENTO UNIVERSIDADES CENTROS DE INVESTIGACIÓN TRANSFERENCIA /VALORIZACIÓN INTERNACIONALIZACIÓN AS

OS ESPAZOS NATURAIS E A CONSERVACIÓN DO MEDIO NA EURORREXIÓN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL

Resto de Europa. Fonte: Elaboración propia a partir dos datos do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais. Decembro de 2006.

Anales De La Universidad De Chile, Volume (Spanish Edition) By Universidad De Chile READ ONLINE

EMIGRACIÓN DE RETORNO NA GALICIA INTERIOR. O CASO DE ANTAS DE ULLA

Networking Showcase Festival Trade Fair Conference Film Screenings Awards virtualwomex

Continuamos sacando á luz a obra

Túmulos prehistóricos no concello de Vilarmaior (A Coruña)

POBOACIÓN LOCAL E AREAS PROTEXIDAS EN NAMIBIA. PERCEPCIÓN SOBRE OS EFECTOS NA SALAMBALA CONSERVANCY.

A Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes,


os ade u s e s Alberto Martí FOTOGRAFÍAS DE ALBERTO MARTÍ FOTOGRAFÍA: JOSÉ CARUNCHO CONSELLO DA CULTURA GALEGA ARQUIVO DA EMIGRACIÓN GALEGA

2VINTE E CINCO ANOS DE AUTONOMÍA EN GALICIA: MUDANZAS POLÍTICAS E ECONÓMICAS

súa historia: Dos almacéns documentais ás bibliotecas escolares

O TRANSPORTE COMO PRODUTO TURÍSTICO EN GALICIA: UNHA ANÁLISE DA OFERTA ACTUAL

Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación

PROGRAMA AUNA CAMPUS TOLEDO GRADO EN HUMANIDADES DEGREE IN HUMANITIES 1 1 HISTORIA ANTIGUA ANCIENT HISTORY 1º 6

Á Mesa do Parlamento

a incorporación das mulleres tecnólogas ao mercado laboral en galicia

Documento Executivo. Plan de Accesibilidade Turística de Galicia e do Camiño de Santiago

OS ÚLTIMOS ANOS DA FORMACIÓN DO PROFESORADO DE SECUNDARIA NO INSTITUTO DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Representacións gráficas e literarias de San Xoán da Cova

A DEMANDA TURÍSTICA EN GALICIA. O PROBLEMA DA CONCENTRACIÓN

Anexo. Título, autor, editorial e ano de publicación

Historia dos dereitos da infancia

1º ESO CURSO 2017/2018 (Programa de fondo solidario Orde do 16 de maio de 2017 (Diario Oficial de Galicia do )

o sorriso de Daniel la sonrisa de Daniel the smile of Daniel

2. Elsa ( ) Grupo: Andrés Calamaro Álbum: Alta Sociedad Canción: Flaca Puntuación media da canción polos compañeiros: 7.44

A lexislación que regula a formación profesional inicial en Galicia: cambios e novas propostas

DOWNLOAD OR READ : LAS CIUDADES CITIES CITIZENS AND CIVILIZATIONS COLECCION PDF EBOOK EPUB MOBI

VIOLENCIA RURAL INTERCOMUNITARIA NO SUESTE DE GALICIA. UN CASO CONCRETO: MOIALDE CONTRA SAN PEDRO DE POUSADA

Monográfico Gallegos e tanos. Xornadas sobre migracións italianas e españolas a Arxentina ( )

Coleccion De Historiadores De Chile Y Documentos Relativos A La Historia Nacional, Issue (Spanish Edition) By Anonymous READ ONLINE

EDICIÓN. Niveis: iniciación, medio e superior xullo INSTITUTO DA LINGUA GALEGA

Revista Galega de Economía Vol (2018

ORDENANZA 3.30 TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

CHESTERFIELD COUNTY BOARD OF SUPERVISORS Page 1 of 1 AGENDA. Item Number: 15.C.

PARTE II: Análise dos Sistemas de Administración de Terras en Galicia e diagnose de estado para o apoio á Xestión de Terras

ECONOMÍA APLICADA 13

A FORMACIÓN DO VOLUNTARIADO SOCIAL

Date 01/06/2018 Name and surname MERCEDES FERNÁNDEZ PARADAS DNI/NIE/passport L Age 47 Researcher identification number

ROSALÍA DE CASTRO: NO PRINCIPIO FOI A TRADUCIÓN

Manual de usuario GaIA eempresas. Manual de usuario do módulo eempresas de GaIA Elaborado por Teimas Desenvolvemento.

Para ser tomadas en cuenta las tareas deben de ser presentadas con las siguientes características:

Revista Galega de Economía Vol (2018)

Indice Sobre Esclavos Y Esclavitud: (Seccion Civiles- Esclavos) (Biblioteca De La Academia Nacional De La Historia) (Spanish Edition) By Academia

- IGNACIO EISSMANN ARAYA Phone: EDUCATION

Notas para o estudo das primeiras arquitecturas industriais na Estrada

A minería do wolframio en Galicia durante o século XX

Camiños de ida e volta: a emigración herdada

Compete with other European teams and discover Barcelona city and all its highlights. INFO : Tel Mob

A dinámica de reproducción social da casa. fidalga galega no século XVIII

Referentes para a avaliación

A ideoloxía político-social de Rosalía: raíz do seu pesimismo existencial. Catherine Davies

ESTUDO TÉCNICO SOBRE A MOBILIDADE INTERNACIONAL UNIVERSITARIA NO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA: UN ANTECEDENTE AO ECTS

Catedrales Romanicas/ Romanesque Cathedrals (Spanish Edition) By Isabel Fronton Simon READ ONLINE

Xuntos e case revoltos: os condes de Pallares e Pardo-Bazán na Galiza do progreso indefinido

NOTAS SOBRE A CONSIDERACIÓN XURÍDICA DAS EIRAS DE MALLAR EN GALICIA*

the science at the heart of beauty IMCAS Americas centro de convenciones august 1 to 3

LIBROS DE TEXTO CEIP ANEXA LUGO LIBROS DE TEXTO CEIP ANEXA LUGO

SINALÉCTICA CONCELLOS

RECURSOS E INSTRUMENTOS SOCIAIS

Edgar Eduardo Sacayon Beyond the Evident Fine Art Infrared Photography Portafolio to be exhibited at Photokina, Germany.

PARTE COMÚN LENGUA EXTRANJERA INGLÉS

1.- Begoña ( ) Grupo: Neil Young Álbum: Harvest Canción: Herat of Gold Media das notas outorgadas á canción: 5,8

Intervención de posta en valor do conxunto parroquial de San Xoán de Fecha, Santiago de Compostela

P.E.P.R.I. Excmo. Concello de O Barco de Valdeorras PLAN ESPECIAL DE PROTECCIÓN E REFORMA INTERIOR DO CASCO ANTIGO ANEXO ENQUISA A FAMILIAS

PROXECTO DE INVESTIGACIÓN EU TAMÉN PODO SER ARTISTA

Transcription:

Boletín da Real Academia Galega Núm. Outra 376, pp. ciencia 393-402 é posible dende unha racionalidade barroco-romántica. Otero Pedrayo como exemplo paradigmático 2015. Real Academia Galega OUTRA CIENCIA É POSIBLE DENDE UNHA RACIONALIDADE BARROCO-ROMÁNTICA. OTERO PEDRAYO COMO EXEMPLO PARADIGMÁTICO Juan R. Coca Universidade de Valladolid FLACSO España Resumo: Neste traballo partimos da idea, presente na xeración Nós, de que en Galicia hai un xeito propio de facer coñecemento. Principiamos o desenvolvemento dunha epistemoloxía barroco-romántica e exemplificámola no traballo de Otero Pedrayo. Neste artigo comenzamos cun eido de traballo especial sobre o pensamento do gran pensador de Trasalba. Abstract: We start in this paper from the idea, present in the so-called Xeración Nós, that there is a particular way in Galicia of producing knowledge. We begin developing a baroque-romantic epistemology and next we exemplify it in the work of Otero Pedrayo. In this article we initiate a special research field on the thinking of the great thinker of Trasalba. Palabras chave: Epistemoloxía, Barroco, Romanticismo, racionalidade, Ramón Otero Pedrayo. Key words: Epistemology, Baroque, Romanticism, rationality, Ramón Otero Pedrayo. INTRODUCIÓN O racionalismo comezou cunha deriva que se mantivo e creceu na modernidade para se incrementar, aínda máis, na posmodernidade. Estamos a falar do fenómeno que poder ser denominado como unha hipertrofia da razón. Nel, o ser humano foi considerado como un ser que tiña en parte da súa mente a única e verdadeira capacidade de xerar progreso humano e social: a racionalidade científica. Froito desta perspectiva, a ciencia obtivo un pulo que ata entón nunca tivera. Pero non só iso. A modernidade adquiriu importancia tal que se converteu nun imaxinario 2015 REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega, núm. 376, pp. 393-402 393

Juan R. Coca omnímodo que trae consigo unha perspectiva única e unívoca da realidade social, persoal e natural. Cómpre salientar, antes de seguir, que ao falar de razón científica falamos desa razón androcentrada na que o impersoal, o obxectivo, o monolóxico e o carente de sentimentos se converte no centro produtor e fornecedor diso que chamamos ciencia. A día de hoxe tódalas ciencias (nomeadamente as sociais e humanas) ollan cara ás ciencias formais e factuais para se comparar e igualar con elas. Porén, ao meu ver, é posible manter unha perspectiva científica na que Galicia ten moito que dicir. Unha ciencia persoal na que o humano e a humanidade son elementos nodais desta perspectiva do coñecemento. Por mor do que acabamos de dicir podemos virar de costas cara á perspectiva epistémica anglosaxoa e ir ao carón dun xeito de razoar que foi agromando en Iberoamérica. Nesta parte do mundo houbo unha concepción diferente desta perspectiva moderna da que falabamos antes. Isto foi denominado como ethos barroco e fai referencia ao desexo, alicerzado na experiencia, de que podemos atinxir un mundo distinto ao actual. Esta perspectiva, ademais, ten a ver coa transgresión, co desencanto, co naturalismo e coa reivindicación do sentimento (Echeverría 1996). Esta loita entre un pensamento racionalista e outro máis naturalista-espiritual segue vixente. De feito, a chamada guerra das ciencias non é outra cousa que iso. O debate entre as ciencias duras e brandas, as ciencias e as letras etcétera son bos exemplos disto. Sendo consciente desta realidade e de que, dun xeito ou doutro, as cousas teñen certo aire de familia, Omar Calabrese (1999) expuxo que o termo posmoderno podería ser mudado polo de neobarroco tentando, con isto, amosar que o noso mundo cultural actual está estreitamente vencellado ao Barroco. Neste artigo partiremos desta premisa que non vai ser discutida xa que foi traballada por min noutra ocasión. Esta premisa, amais, coido que adquire unha importancia inusitada en Galicia e fai que esta rexión sexa un exemplo paradigmático. Ao meu ver, o pensamento galego, entendendo por pensamento galego aquel que agroma certas características propias sen que exista unha escola concreta nos pensadores máis senlleiros de Galicia, é debedor desta perspectiva da que fala Echeverría. De feito, coido que o pensamento iberoamericano ten unha chea de novas perspectivas amplamente interesantes. Neste contexto intelectual, Galicia ten unha ollada particular do mundo, da realidade e, por conseguinte, unha comprensión específica. Isto non quer dicir que estea a avogar por un enfoque nacionalista do pensamento ou polo contrario. Non entro neste debate. Simplemente afirmo, como premisa previa, que en Galicia tendemos a ter unha perspectiva teórica, a cal fai pensar que existe incluso unha racionalidade particular. Neste traballo vou tentar facer unha aproximación a un dos elementos que poderían ser nodais da racionalidade galega: o Barroco. Como é ben sabido, o 394 2015 REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega, núm. 376, pp. 393-402

Outra ciencia é posible dende unha racionalidade barroco-romántica. Otero Pedrayo como exemplo paradigmático Barroco adquiriu unha importancia inusitada en Galicia e a nosa hipótese é que esta importancia ten a ver cun xeito de aproximarse á realidade e, amais diso, determinou o devir do propio pensamento galego. O BARROCO GALEGO O Barroco é unha etapa histórica que en Iberoamérica tivo unha gran relevancia e que ten un impacto sociolóxico que non foi moi desenvolto nos últimos anos. Neste sentido diversos autores teñen analizado, un xeito interesante e suxestivo, a aposta do Barroco como un elemento especifico da cultura que compartimos as dúas beiras do Atlántico. De feito, recentemente, Carlos Soldevilla propuxo no seu Ser barroco o seguinte: [ ] rescatar a dimensión aurática do barroco, sacándoa do faiado histórico para instalala noutra historia, a historia da actualidade. Pois a cultura barroca posúe excelentes valores, como son, entre outros: o autodominio prudente; a súa aposta polo tempo pausado e relembrante; a énfase na estética e na espiritualidade; o desasemento da materialidade das cousas; a súa atención e coidado cara a arte da ollada; o autocoñecemento ao través das cartografías do sono e a arte; o seu comunitarismo de proxectos e referencias compartidas; e, por último, a reivindicación non miserabilista da cultura popular; todos eles valores alternativos aos dunha modernidade global e materialista. (Soldevilla 2013: 35). Torres Queiruga (1984) dinos que dende comezos do século XVII comeza un rexurdir cultural en Galicia: o rexurdir barroco. Este prodúcese en contraste coa pobreza ambiental. Os mosteiros e os cabidos galegos principian unhas construcións impresionantes que se van prolongar ata o século XVIII e transforman o paradigma cultural galego chegando a xerar unha pegada tan fonda que o propio Torres Queiruga di que o Barroco puido dar lugar a unha era na súa historia profunda. O Barroco en Galicia ten unha importancia como non tivo outra corrente cultural na nosa historia. Neste senso, Otero Pedrayo (1982) considera que este movemento cultural é unha hibridación da cultura e da natureza. Algo así como unha materialización do auténtico ser de Galicia na pedra das construcións barrocas. Para Don Ramón o Barroco é, xunto co celtismo e o Románico, unha das principais expresión do espírito galego. Ao falarmos de Barroco debe quedar claro que estamos perante un concepto cheo de matices que nos amosa unha realidade minuciosa, naturalizada e relixiosa. Agora ben, o Barroco (Ángela 2015) pode ser interpretado como una realidade transhistórica. Isto quer dicir que esta corrente é un fenómeno presentado como 2015 REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega, núm. 376, pp. 393-402 395

Juan R. Coca expresión e lexibilidade dun conxunto de épocas históricas (Barroco de Indias, Barroco americano, Neobarroco etc). Esta perspectiva transhistórica consiste, en certo xeito, na materialización dun Novo Mundo dun horizonte naturalista e híbrido impregnado pola relixiosidade católica. Este mundo católico trouxo consigo a Inquisición, o dogma e a censura. De aí que as minorías comezaron a non ter cabida. No caso galego, o Barroco é expresión dunha época de poder económico da fidalguía e da Igrexa. De feito, é doado atopar expresións desta época en aldeas, templos relixiosos e, inda máis, nas cidades galegas. Algúns exemplos destacados son o Mosteiro de Samos, de Celanova, de Sobrado dos Monxes, o Convento de Santa Clara, o Mosteiro de San Martiño Pinario, a Igrexa da Peregrina, a Catedral de Mondoñedo, o Cristo da Catedral de Ourense e, evidentemente a Catedral de Santiago de Compostela. Por outra banda, a arquitectura civil tivo tamén moita relevancia en Galicia. De facto, nesta época é cando unha boa parte das familias da nobreza galega constrúen os pazos. Estes son estruturas habitacionais sen as grandes pretensións dos palacios. Ao contrario, a intención clara dos pazos é a de se integrar na comunidade campesiña. Por iso as hortas se mesturaban cos coidados xardíns para o ocio e deleite dos nobres. Amais disto, os pazos tamén manteñen a lembranza do medievo e, en moitas ocasións, presentaban torres, mantendo así certas características dunha estrutura defensiva (Pena 1984). Os pazos, en calquera caso, ofrecen unha gran diversidade; simples casas fidalgas con escudo aristocrático, casas señoriais de máis complexidade crecidas a teor das necesidades, mansións máis nobres con capela propia, escalinata, solainas, aparato decorativo de excepción, torres de señoría, grandes hórreos, portalóns e pombais; por non citar aquelas máis distinguidas que, a todo o sinalado, suman frondosos xardíns para o goce e pracer, cheos de flores, sebes, terrados, masas boscosas e auga en circulación que, ou ben se dispuxeron ordenados cunha disciplina de tipo francés moitas veces aprendida a través do portugués ou, noutros casos, con disposicións máis naturais e paisaxistas que recrean ambientes humanizados con certo sabor pintoresco. (Vigo 2006: 33). É importante destacar que os fidalgos daquel tempo, a nobreza baixa, estaban inseridos no devir principal da Galicia rural e son intermediarios entre o pobo e os máis poderosos: a Igrexa. A fidalguía galega chegou a ter un poder notable que foron adquirindo non tanto por cuestións económicas relativas á renda que tiñan, senón co capital simbólico que lograron desenvolver (Presedo 2011). De facto, convertéronse en núcleos de consumo e centros de contratación (man de obra para o quefacer doméstico), amais diso tamén son importantes nas tarefas 396 2015 REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega, núm. 376, pp. 393-402

Outra ciencia é posible dende unha racionalidade barroco-romántica. Otero Pedrayo como exemplo paradigmático agropecuarias e fan que se manteñan as explotacións agrarias directas (Presedo 2011). Este feito trouxo consigo en Galicia que mantivesen unha importante significación social, que fixo que este estamento da nobreza mantivese no imaxinario certo aspecto positivo. Dende esta perspectiva, e a carón do que acabamos de dicir, Otero Pedrayo amosa os fidalgos como unha ponte entre o pobo e os poderosos. Unha especie de entrecamiño que facilitaba a vida do campesiñado e o espírito galego. Agora ben, ao considerar Otero que a fidalguía deixou ao final a Galicia sen rumbo, tamén foi consciente do lado negativo desta. Por mor diso o fidalgo oteriano, en parte, é un fidalgo ético/ideal que ten de se converter na guía espiritual de Galicia. Ao meu ver isto é o que Otero Pedrayo pensa de si mesmo e da súa familia (lembremos que era descendente de fidalgos). Facendo unha interpretación irreverente e herética da obra de Otero, eu coido que é posible chegar a dicir que para Otero ese fidalgo é expresión do Hermes galego. O pensador galego recupera para o imaxinario colectivo, entón, un personaxe barroco de grande importancia histórica para Galicia: o fidalgo. Porén, como xa digo, ese fidalgo oteriano é espiritual, case que místico tal e como se pode ler nos seus Escrito na néboa e O fidalgo. Co devandito poderiamos entrar en debate con Joaquim Ventura (2010), quen considera que, como parte da Xeración Nós, Otero Pedrayo o que fixo foi transmitir unha imaxe particular súa para manter certos privilexios sociais. A nosa interpretación, en troques, é ben distinta ao considerar que Otero está revivindo un elemento inherente ao espírito galego: o seu barroquismo. Por mor disto, o pensador ourensán revitaliza un personaxe propio daquela época e tráeo á actualidade inserido nun imaxinario ético propio desa fidalguía oteriana. Neste punto, o ourensán vai dando pasos cara un autocoñecemento non só de si mesmo, senón tamén da propia Galicia. Por outra banda, o Barroco galego tamén é moi naturalista, como se pode comprobar nas decoracións vexetais en forma de follas e froitos. Así mesmo, ao meu ver, o Barroco galego (o chamado Barroco de placas) ten unha enorme significación espiritual posto que tenta elevar o observador cara a esa realidade espiritual que transcende a natureza. Novamente, entón, temos en Galicia unha dobre perspectiva de significación: a terra e o ceo. O Camiño de Santiago no que un vai tocando terra cos pés ao tempo que se vai achegando de vagar ás portas desa esperanza relixiosa. A espiritualidade galega é, polo tanto, unha hibridación entre o naturalismo e a relixiosidade. Lémbrese que, como ben amosan Antón e Mandianes (1998), hai anos era habitual que as parellas que tiñan problemas de fertilidade mantivesen relacións sexuais diante dun cruceiro. Que xeito máis paradigmático de amosar esa hibridación galega e esa hybris barroca tan propia. 2015 REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega, núm. 376, pp. 393-402 397

Juan R. Coca OTERO PEDRAYO COMO PENSADOR BARROCO-ROMÁNTICO Sen ningunha dúbida, Ramón Piñeiro foi unha das persoas que mellor coñeceu a Otero e quen máis falou del e da súa importancia para Galicia e escribiu, no seu momento, o seguinte: Resulta, xa que logo, que a nota distintiva da personalidade de D. Ramón dentro da xeración á que pertence é a do romanticismo. Poderiamos dicir coido que el é o derradeiro romántico da nosas letras. Así, do mesmo xeito que na nosa poesía xurdiu, no XIX, co triunfo da sensibilidade romántica, tamén a sensibilidade romántica, no XX, e a través de Otero Pedrayo, foi a que orixinou o grande pulo creador da nosa prosa. E non quere isto dicir, nin moito menos, que Otero sexa un escritor anacrónico. Na súa xeración, el é o que está en posesión dunha cultura máis ampla. Mesmo por iso, a súa formación espiritual desenvolveuse en contacto vivo e directo co ambiente e as inquedanzas da súa época. Pero ocorre que a súa personalidade non está determinada nin se define pola cultura asimilada con ser verdadeiramente enorme, senón pola súa sensibilidade innata. E aínda que a súa cultura non sexa privativa nin predominantemente romántica, romántica é a súa sensibilidade (Piñeiro 2009: 50 e seg.). Ramón Piñeiro afirma que Otero Pedrayo é un pensador romántico, non un teórico do Barroco como tamén queremos defender nós. O feito de tentar avogar por unha concepción distinta do gran Otero é unha aventura que se antolla perigosa. Quen son eu para ir contra Don Ramón Piñeiro? Asumo o perigo e admito, primeiro que nada, a fonda admiración que teño a Piñeiro. Por mor diso pido a indulxencia do lector e fago esta proposta con toda humildade. Vimos de dicir que a personalidade galega mestura o híbrido e a hybris, a razón e o sentimento, o ímpeto e a prudencia. Ese é o Barroco e esa é Galicia. De feito, Spitzer (1980) considera que o Barroco é unha loita ou diálogo constante entre natureza e espírito. Para este autor, España deixou na gabia o Renacemento por mor da presión relixiosa. Non se pode concibir a arte barroca, segundo el, sen o transcendentalismo medieval, nin sen a vida sensual do Renacemento (Spitzer 1980: 319 e seg.). Agora ben, os elementos espirituais foron interpretados dun xeito un tanto peculiar ao meu ver. Neste sentido, Leo Spitzer pode ser relacionado con Jose Antonio Maravall (1986), xa que ámbolos dous consideran que a relixiosidade en España só trouxo consigo cousas negativas e o barroquismo español non amosa, segundo eles, este misticismo presente noutras rexións (nomeadamente Alemaña ou Francia). A espiritualidade barroca é concibida como unha anamnese do medievo. Non concordo con iso. 398 2015 REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega, núm. 376, pp. 393-402

Outra ciencia é posible dende unha racionalidade barroco-romántica. Otero Pedrayo como exemplo paradigmático A hermenéutica analóxica que o profesor mexicano Mauricio Beuchot vén desenvolvendo nos últimos anos, xunto coas derivas que se deron nesta corrente (a hermenéutica dialéctica transformacional do profesor Napoleón Conde, a hermenéutica simbólico-analóxica de Luís Alvarez Colín, a hermenéutica barroca de Samuel Arriarán, a socio-hermenéutica multidimensional de Juan R. Coca etc.), amosan que o medievo foi interpretado dun xeito errado e que este momento histórico pode dar moito de si propio. De aí que a analoxía, o símbolo, a mística medieval non é tan racional como habitualmente se afirmou. De feito, como ben nos ensina Maria Doroles-Carmen Morales (1996) na Idade Media a simboloxía animal levaba o espectador destas imaxes cara a un mundo espiritual e amosáballe un mundo posible imaxinario. De facto, inda que se ten falado moito de Duns Escoto ou de Tomé de Aquino, como dúas correntes fundamentais do Medievo, cómpre salientar que tamén foi moi importante a escola mística nesta época (moi traballada na actualidade, e novamente, polo profesor Beuchot). Otero Pedrayo, dende esa perspectiva barroca que eu considero que ten, racha coa formulación de Maravall e renova o misticismo galego: a saudade. De feito, e por exemplo, no seu texto As rosas da virxe, Don Ramón escribe a historia dun pobre monxe que tiña unha enorme devoción pola Virxe e que os demais monxes o consideraban medio parvo. Con este pequeno texto reivindica esa mística natural, sinxela, álter-racional (xa que é outro tipo de coñecemento) e, por tanto, analóxica. Sobre este monxe expón: Os graves monxes donos da scientia dos pergamiños e afeitos a debullar as entrambilicadas filosofías dos Pais da Eirexa, ollaban con asombrada estrañeza pró pobre irmán ignorante e despreciado. Parecía outro, tan fóra do mundo como se xa formara nos coros de almas lucentes, do Ceo. Morreu un serán frileiro de Antroido. No horto tremaban as floriñas primeiras ó sabro xiado da serra. Chegando o cadáver, a comunidade caeu debruzada, arrepiada pola impresión do milagre. Da boca do pobre monxe morto xurdía unha roseira florecida de cinco rosas! (Otero 2007: 41). A ollada de Otero é irracional, emocional, chea de sentimento, intuitiva, simbólica e fondamente barroca. Non é tan celta como os seus antecesores. O gran escritor galego emprega unha linguaxe barroca, paradoxal, híbrida, mística e naturalizada; pero non só iso. El propio considera que o Barroco, ao fin e ao cabo, vai esculpindo a Galicia e Otero vai cicelar a cultura, a estrutura interna de Galicia, xerando un mundo simbólico e imaxinario que tenta alicerzar un novo mundo espiritual. Porén, iso dío dende, segundo Piñeiro, unha perspectiva romántica. Se atendemos ao exposto por Mariano Baquero (1950), o Barroco camiña entre 2015 REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega, núm. 376, pp. 393-402 399

Juan R. Coca a ascensión da chama e o descenso ao esperpento. Ora ben, este ir e vir, subir e baixar, ascender e descender tamén pode ser comprobado no Romanticismo. Polo tanto, Barroco e Romanticismo acreditan semellanzas e parentesco entre elas. Entón Otero Pedrayo será tamén barroco e romántico a un tempo. Concretamente, e a este respecto, afirma o seguinte: A paisaxe galega parece estar en marcha, sempre cara a unha mellor expresión. Vese o val esculpíndose, a montaña poucas veces indiferente, a costa procurando a súa fisionomía definitiva. O mesmo se dá na obra barroca. Como se a tranquila sesta da Galicia no século XVIII só tivese un camiño cara a vida no traballo da pedra. Arrincada da canteira a pleno sol, envolta na onda musical dos picos cortando e moldeando o granito para ser empregado en estruturas humildes e suntuosas, pero cun tema unánime que se nutre sempre da esencia do espírito da terra e da raza. Pois o barroquismo é algo inxénito nelas. Non hai nome consagrado que lles cadre mellor (Otero 1982: 209). Por todo o que vimos de dicir, Galicia está enraizada barrocamente na terra e dende alí agroma una espiritualidade diferente, ensombrecida, analóxica. Só alí pode ter sentido una ollada lírica do mundo. Maravall avoga por un vencello entre España e Europa ao través dun racionalismo que achega a España e por ende a Galicia preto de Descartes (Dobry 2009). En troques, Galicia non é tan racional como afirma Maravall; de feito América Latina tampouco o é. A nosa terra conxuga un misticismo naturalista peculiar presente en Portugal pero pouco relevante noutras rexións do territorio español. Otero Pedrayo é, novamente, expresión do espírito da propia Galicia e nos seus traballos xeográficos amosa unha ciencia humanizada, onde a persoa (galega no seu caso) é parte fundamental do coñecemento que el desenvolve. A RACIONALIDADE OTERIANA: A XEITO DE CONCLUSIÓN A aproximación que Otero Pedrayo (1955) fai á realidade amosa que a ciencia (nomeadamente a xeografía) ten outras posibilidades que as que son consideradas habituais dentro do paradigma actual de coñecemento. De facto, este científico chegou a falar da existencia do sentimento xeográfico como aquel que lles proporciona aos seres humanos un xeito de aprehender a natureza. Por iso, e aí temos novamente o espírito barroco galego, para Otero o pobo galego ten unha paisaxe humanizada ao tempo que ten unha alma chea de paisaxe. De tal xeito que temos en Galicia unha retroalimentación ao respecto da medio natural que nos arrodea. A paisaxe oteriana, ao meu ver, non é interpretada dende esta perspectiva magnífica e impresionante propia do Romanticismo convencional. Otero 400 2015 REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega, núm. 376, pp. 393-402

Outra ciencia é posible dende unha racionalidade barroco-romántica. Otero Pedrayo como exemplo paradigmático amosa, en troques, a paisaxe como estrutura novamente híbrida e como unha ponte cara ao mundo espiritual e transcendente. En definitiva, e finalizando este traballo, o traballo científico e ensaístico de Otero Pedrayo permítenos ser conscientes de que somos quen de desenvolver unha ciencia onde a persoa volva ter o lugar central. A ciencia oteriana presenta un alto grao de intersubxectividade pero mantendo as diferenzas que as persoas xeran na paisaxe e a interpretación que cada un de nós fai dos obxectos e do coñecemento adquirido. Para Otero existen os feitos xeográficos como aqueles elementos que permiten expresar as experiencias e vivencias persoais. Por mor disto, Otero Pedrayo é un anovador que presenta uns elementos epistémicos que de seren sistematizados poderían traer consigo outro xeito de facer ciencia. De seguro que máis dun lector xa foi consciente que, para o autor deste escrito, esta sistematización a topamos na hermenéutica. Non é o instante de nos pormos a falar desta perspectiva. Simplemente deixo sinalada esta idea que está a ser desenvolvida na actualidade e que vai ver a luz en posteriores traballos. Nesta perspectiva o pensamento galego ocupa un lugar central nesta proposta teórica. REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS Ángela Martínez, Luz (2015): Barroco y transhistoriedad en Latinoamérica y Chile, Revista chilena de literatura 89, 185-212. http://revistaliteratura.uchile. cl/index.php/rcl/article/viewfile/36600/38202 [consulta en febreiro 2016]. Antón, Fina María e Manuel Mandianes (1998): O ciclo da vida. Vigo: Ir Indo. Baquero Goyanes, Mariano (1950): Barroco y romanticismo, Anales de la Universidad de Murcia 36, 725-740. Calabrese, Omar (1989): La era neobarroca. Madrid: Cátedra. Dobry, Edgardo (2009): Barroco y modernidad: de Maravall a Lezama Lima, Orbis Tertius 15. http://www.fuentesmemoria.fahce.unlp.edu.ar/art_revistas/ pr.4190/pr.4190.pdf. [consulta en agosto 2015]. Echeverría, Bolívar (1996): El ethos barroco, Debate feminista ano 7, vol. 13. http://debatefeminista.com/articulos.php?id_articulo=738&id_volumen= 32 [consulta en setembro 2015]. (2013): La modernidad de lo barroco. México DF: Ediciones Era. Maravall, José Antonio (1986): La cultura del Barroco. Barcelona: Ariel. Morales Muñiz, Mª Dolores-Carmen (1996): El simbolismo animal en la cultura medieval, Espacio, tiempo y forma. Serie III. Hª Medieval 9, 229-255. 2015 REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega, núm. 376, pp. 393-402 401

Juan R. Coca Otero Pedrayo, Ramón (1955): Ensaio sobor da paisaxe galega.vigo: Galaxia. (1982): Ensaio histórico sobre a cultura galega. Vigo: Galaxia. (1994): O fidalgo e outros relatos. Vigo: Galaxia. (2004): Arredor de si. Vigo: Galaxia. (2007): Teoría de Galicia. Artigos esquecidos en Vida Gallega, 1926-1963. Santiago de Compostela: Alvarellos; Vigo: Galaxia. Pena, Mª del Carmen (1984): El arte, en VV. AA., Los gallegos. Madrid: Istmo, 319-422. Piñeiro, Ramón (2009): Ramón Otero Pedrayo, mestre da cultura galega. Conferencias e ensaios. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. Presedo Garazo, Antonio (2011): La imagen del poder de los hidalgos gallegos en la época moderna, Obradoiro de historia moderna 20, 221-250. Soldevilla, Carlos (2013): Ser barroco. Una hermenéutica de la cultura. Madrid: Biblioteca Nueva. Spitzer, Leo (1980): Estilo y estructura en la literatura española. Barcelona: Crítica. Torres Queiruga, Andrés (1984): La religión y la iglesia, en VV.AA., Los gallegos. Madrid: Istmo, 479-501. Ventura, Joaquim (2010): El grupo Nós y la autorrefundición literaria de Galicia, en Montserrat Cots e Antonio Monegal (eds.), Actas del XVII Simposio de la Sociedad Española de Literatura General y Comparada. Barcelona: Universitat Pompeu Fabra. Vol. 1, 347-354. Vigo Trasancos, Alfredo (2006): Barroco e Neoclásico na arquitectura galega, en Carlos del Pulgar Sabín (ed.), Arte e cultura de Galicia e Norte de Portugal. Arquitectura II. Vigo: Nova Galicia, 8-56. 402 2015 REAL ACADEMIA GALEGA. Boletín da Real Academia Galega, núm. 376, pp. 393-402